Revista de funcionarios con ganas de troula literaria.
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Venres, 21 de Abril de 2006
E alá se nos vai a nosa Luísa cara o país do baloncesto e a "fast food". Chicago nada menos. Rañaceos, Al Capone e... rañaceos e... Al Capone. Chicago. Aí é nada. Xa nos dirá á volta que carallo hai en Chicago. Creo que algo de jazz tocan e de gando semella que tamén saben (a ver senón por que lle ían poñer ao equipo de baloncesto do pobo os Bulls). Pero aínda que non haxa nada. Chicago é moito Chicago. Para o que sea. Quen nos vería a todos nós en Chicago. Xa non nos deixaban pasar a todos por iso das bombas.
- Pero a qué veñen estes funcionarios blancos transcaucásicos a Chicago todos xuntos? -dirían eles-.
- A facer mal. Hala, para atrás. E xa non nos deixaban ir a Chicago a todos. E así mellor que vaia Luísa, que é moi viaxada e fotos saca (many, many pictures to bring us). A Chicago. Fartiña de avión vainos quedar a nosa Luísa.
- A onde vas, Luísa?
- A Chicago.
- A Chicago?
- A Chicago.
- Mecagoenlacona! A Chicago.
- Si, a Chicago.
- Pois tráenos unhas rosquillas de paso.
Supoño que a nosa Luísa xa sabe que non se poden dicir no avión palabras coma "bomb, bomba, bombeiro, islam, islamista, corán, afghanistán, pakistán, irán, suicida, uranio enriquecido, saddam, michael moore, susan sarandon, fidel, castro, fidelcastro, hugo, chávez, hugochávez, french chips, suckittome e Bush cabrón ou fucking Bush. Non me preguntedes por qué non se pode pero non se pode. Se dis algo, todo, ou parte das palabras que acabo de escribir, en canto aterra o avión, regálanche un pichi laranxa e unhas vacacións no Caribe, en Guantánamo Beach. Chicago é Chicago pero sonche máis rariños (very, very strange persons).
A ver, Luisiña. Levas Todo?
Please Louise, bring us a lot of many pictures so much and cookies with a hole in the middle ou something pretty things.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)
Martes, 18 de Abril de 2006

Estaba lendo o conto de máis abaixo, de cando o noso faraón Amenófis Muíños VI matinou en facer unha pirámide e acordeime do arquitecto de garda que estivo daquela, moi pavero el. Ivankamón III, o Viaxeiro se chamaba (na foto está coa moza e un cuñado seu). Puxéronlle “Viaxeiro” porque éravos moi dado a andar polo deserto adiante inspeccionando toda canta obra faraónica se facía. Era o choio del así. Non había quen o pillara na súa cámara de traballo, nos baixos da Pirámide de Gizeh. Os seus compañeiros, se tiñan algo urxente, mandábanlle un tam-tam perdido (isto do tam-tam foi invento dos exipcios e pasou logo aos africanos de máis abaixo ata que chegou Movistar e Vodafone, que lle fixeron un tunning) para que el dese razón.
- Ese tam-tam é por min? –preguntoulle unha vez a un velliño que andaba a tocar diante do templo de Ra.
- Non. Éche porque estamos de voda, que se casa unha sobriña-neta cun dalá de Alexandría que ten choio fixo na Biblioteca. Non serás ti dalí? – preguntoulle o velliño-.
- Non, eu sonlle do Alto Vigo.
- De onde?
- Do Alto Vigo? –berroulle o Ivankamón-.
- Arre carallo, que mal falades os do Alto Nilo que non se vos entende nada.
- Logo non é por min?, -preguntoulle de novo o arquitecto-.
- Que non, que é polo da voda. Vaite bonito.
Era moi pavero o Viaxeiro.
E cando o fixera chamar o faraón, ao principio pasouno un pouco mal.
- Mecagoendiosla, por unha vez que me toca de garda e chámame o Mayestático (chamábanlle así ao faraón porque el non che falaba “de eu” senón “de nós” coma o Papa).
- Andámosche aburridos e déusenos por querer unha tumba que nindiola. Vai pensando, -díxolle o faraón-.
Claro, a Ivankamón, así de súpeto, colleuno baixo de ideas.
- Sen problema. Vou pola calculadora polo de afinar o presuposto e logo veño. Ou se tal mañá pola mañá tráiolle o presuposto mais os planos todo xunto e xa se fai unha idea.
É que a Ivankamón no se lle ocorreu outra excusa e saltoulle co de “mañá á mañá”. Tiña unha noite para facer os planos mais as contas do choio. Meu pobre.
Mandoulle un tam-tam á moza.
- Helenamari, non me esperes que teño choio gordo.
Xa vos contara o dos porros de papiro e a visión arquitectónica que lle provocou o colocón. Foi o que o salvou. Así se sentaron as bases da arquitectura funeraria exipcia. Por uns porretes do arquitecto de garda. A vida mesma.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)
Mércores, 12 de Abril de 2006

Parece que as boas formas e o saber estar non teñen nada que ver con ter unha exquisita educación británica. Abonda con que pareza que a tés. Despois de todo, as aparencias son o cerne da flema anglosaxona. Pero non hai nada tan ridículo coma simular ser un gentleman e que todo o mundo saiba que non o eres. O falso gentleman pasa a ser un gentleman patético. O que o salva é que, normalmente, non se da conta de que o é (patético, non gentleman), o que nos alegra un pouco máis a vida. El contento e nós tamén. Que mal hai niso?
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)
Venres, 07 de Abril de 2006
Xa se sabía dende hai tempo a xenialidade de Iso nisto do verso. Talento puro. Sabe Helena Mari dun novo exemplo do que estou a dicir. Non sei eu se falar con Iso para que me pase en Word a "Oda a Helena no seu taitantos aniversario" da que acabo de ter coñecemento. Marabillosa. Retrata fielmente á nosa querida Helena (un supoñer) no referente aos seus gustos flinmicos almodovarianos e á revolución social que monta previo estreno do novo flim do director que estivo moi unido á súa nai (very united to his mother).
E por iso que a Pirámide aproba en pleno engadir ao dicionario enciclopédico administrativo o termo "Isolinada" como sinónimo de bo facer e de talento poético e das artes en xeral.
Queda dito.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)
Domingo, 18 de Decembro de 2005
Ou son 26?
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)
Luns, 03 de Outubro de 2005

E ao noso faraón Amenófis Muíños VI déuselle por matinar na morte e en como se ía aburrir despois de morto. Quixo, despois de moito darlle á cachola, que o enterrasen nun centro de ocio para el e para todo o seu séquito (que visto o plan tampouco lles pareceu mal ter que morrer canda o faraón). E quixo que o centro-panteón fora unha cousa nunca vista tanto en dimensións como en beleza. Fixo chamar ao arquitecto de garda e deulle conta dos seus desexos. O arquitecto ao escoitalo acojonouse pero despois de fumarse uns porros de papiro tivo unha previsualización e caeu na conta de que era posible facer o que o faraón lle pedía. Púxose a facer nos planos e despois do colocón, viu que lle saíra unha perfecta pirámide de dimensións colosais. Entre planificación, materiais, permisos e man de obra o choio ía saír por un pico. Ao presentarlle ao faraón o presuposto, este dixo solemnemente:
-Vale, pero sen alicatar que lle quero dar un toque minimalista.
O arquitecto mandou vir a xentes de todo o Baixo Nilo e algunha do Alto para comezar a obra.
-Que baixedes uns cantos que non damos feito, - díxolles -.
A cousa ía indo pero moi lenta e por moitos lategazos que lle deran aos pobres dos exipcios non tiña traza de avanzar a obra. Nisto que uns comerciantes comentaron que había uns canteiros moi mañosos nas terras da Gallaecia que che facían un castro en plan adosados nunha semana, con mobles de cociña e todo. O faraón encargouse persoalmente de mandalos ir buscar.
-E aínda vou morrer e a pirámide sen ter a placa botada.
Chegaron os mensaxeiros do faraón onda os canteiros eses da Gallaecia. Estaban rematando un dolmen que empezaran antes do xantar. Os mensaxeiros explicáronlle o choio. Os canteiros contestaron:
-Depende. Estamos poñéndolle a muralla a un castro da cultura dala arriba do monte e non sabemos se imos tardar. Xa sabedes como van estas cousas.
Os canteiros andaban de retranca pero como en Exipto non se sabía o que era iso pois os mensaxeiros xa non daban tragado. Ao velos tan coitados, os canteiros mudaron de opinión.
-Agardade a mañá que acabamos a muralla e imos. Pero mirade que queremos estar de volta para a festa.
E alá foron os canteiros para o Baixo Nilo. Comezaron de seguido e os escravos non daban feito a traerlles pedra. Nun mes tiñan a pirámide acabada. O faraón quedou abraiado coa obra e ofreceulles o que quixeran para que quedasen alí e lles fixera máis pirámides desas.
-Xa veremos. De momento volvemos que para a semana temos o San Martiño e somos da comisión –contestáronlle-. Pero nada de asistencias técnicas. Laborais fixos ou senón nada.
O Amenófis quixo razoar con eles. Que o de laborais fixos non podía ser sen unha oposición, que os escravos interinos ían protestar e tal. Ofreceulles unha libre designación pero os canteiros negábanse. Ao final recalificoulles as prazas e quedaron como fixos. Como tiñan o da festa tardaron trinta días en tomar posesión. Como xa contaba o faraón, os escravos interinos protestaron pero como daquela non había sindicatos cuns cantos crocodilos acabouse o conto.
Os canteiros fixeron máis pirámides e tamén fixeron algúns fillos e fillas. Como calquera pai, non querían que os seus fillos fixeran choio escravo e metéronos na oficina para levar o das licencias de obra. Desa maneira convertéronse en funcionarios. Eles son os nosos ancestros e aínda conservamos algunha foto de catálogo (está moi escarallada pero que queredes, como esta que vedes, das súas obras. Coma traballadores da administración, traballamos duro e ben coma os canteiros pero tamén con elegancia e un toque artístico coma os antigos exipcios. En resumidas contas, somos o máximo.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)
Martes, 27 de Setembro de 2005

Pois aquí estamos. Oito membros da pirámide en pleno acto de creación artística. Si, si acto de creación artística. Parece que estamos facendo unha foto diante da catedral despois de rematar unha semietapa do Camiño de Santiago no mes de abril, pero non. Non é o que parece, como dixo Aznar cando saíu na foto das Azores.
Na nosa traxectoria artística todoterreo tamén teñen cabida as artes escénicas. Neste caso, a foto que vedes é o remate do último acto do espectáculo musical “Cats” levado á rúa como medio de achegar este singular xénero á xente do común. E para iso, qué mellor que a tradicional e senlleira praza do Obradoiro, meta de peregrinos e xentes ávidas de coñecemento doutras civilizacións e “wayoflifes”. Tal éxito tivemos que ipsofactamente se xuntaron case un cento de seminaristas andinos que, acompañados dunhas guitarras de misa cantada, puxéronse a improvisar moi malamente unhas danzas e uns cantos por ver de igualarnos no noso máis que evidente talento musical. Por suposto non o conseguiron, os coitados.
O rollito das máscaras felinas vai ser utilizado máis veces coa intención de que as individualidades non escurezan o colectivo (como lle pasou a xocaloma) e como ofrenda á nosa antiga deusa exipcia Bastet, deusa representada coa cabeza dunha gata e repartidora de fertilidade que nós concibimos como fertilidade artística. E tamén porque nos vai moi ben con ela. Miau a iso.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)
Luns, 26 de Setembro de 2005

Non sei por que vos sorprendedes. Acaso non están de moda os grupos dos anos 70 do equis equis? Pois máis dos 70 ca Xocaloma non vos hai. Preguntade por aí ou mirade no Google. “Un dos grupos vocais máis
senlleiros da canción galega” , debería dicir o dicionario. Daquela o pop art aínda tiña un pase e o cartel de presentación do disco recompilatorio que aquí vedes o demostra. Non é por nada pero os da pirámide, aínda que teñamos uns tres mil anos, de música tamén entendemos. O que pasa é que o concepto de “artista completo” non se nos pasou pola cabeza e foi dar con el o Leonardo da Vinci que bo proveito lle sacou pero nós por aí andamos.
Volvendo a Xocaloma, todo o mundo di agora que estaban alí cando sacaron a célebre e orixinal foto do cartel este pero todos menten. Os únicos que estabamos alí eramos nós que, como corresponde a uns artistas completos, fixemos unha sesión de fotos macanuda. Collemos esta de cando xa estaban cansadiños, meus pobres, e tiráronse debaixo dun castiñeiro porque xa non podían máis. Foi unha desas fotos espontáneas que nunca poderían quedar ben se as preparas. Nós non somos deses. Gústanos a arte espontánea como podedes contemplar na nosa obra arquitectónica funeraria do Baixo Nilo.
Temos que confesar que o grupo daquela non estaba no seu mellor momento. Un dos seus membros adoecía dunha seca artística nuclear e só se dedicaba a figurar e a lucirse cando os outros facían todo o traballo. Menuda elementa era esta tal Mesalina, orixinaria de Civitas Limicorum. Ao final, medio separouse do grupo e acabou cantando malamente rancheiras mexicanas e música andina. Despois quixo volver pero o grupo non llo perdoou e mandouna a un lazareto, mala chispa a coma.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (1) | Referencias (0)
Xoves, 22 de Setembro de 2005

Anda a pirámide a collerlle o tranquillo a isto da weblog e o texto vai saíndo pero as imaxes... As imaxes é máis lío. Pero quen dixo que nós, que fixemos as de Gizeh con 50º á sombra aló polas ribeiras do Nilo, non iamos ser capaces de poñer unha imaxe neste trebello visual untado pola man do demo. E sendo facedores de pirámides como somos, non será tempo de modernizar as nosas artísticas maneiras por ver de adaptármonos a estes novos tempos que corren e misturarnos coas novas quintas que manexan estas ferramentas visuais coma quen lle di ghuapa a Cleopatra? Se fixemos unha das marabillas do mundo, non toca andar matinando noutra?
E son estes tempos nos que está ben considerado isto do Pop Art por entre a xente do común, que foi cousa que xa tivo os seus momentos aló polos anos 60 do equis equis pero que agora, con isto do deseño gráfico, pois que se vai pop ularizando. E pensa a pirámide que hai nisto unha oportunidade de entrarlle ás artísticas vangardas e meterse no rollito wharholiano. Isto ten saída e imaxes como esta que vedes, poderánse facer outras ou máis. As figuras que contemplades non se sabe quen son pero pouco teñen de exipcias. Arre carallo! Que axiña perdemos a man!
Por: A Pirámide | General | Comentarios (2) | Referencias (0)
Xoves, 22 de Setembro de 2005
Eu non quería dicir nada pero como despois todo se sabe... pois vou dicir que hoxe, nalgures, alguén foi ao cine. Non vou dicir onde, nin cando nin a ver que porque como ao final todo se sabe...
Se nalgures alguén foi ao cine e viu algunha película pois que o diga aquí e que nos comente algunha cousa. Se alguén non quere pois nada pero como ao final todo se sabe...
Por: A Pirámide | General | Comentarios (1) | Referencias (0)
Xoves, 22 de Setembro de 2005
Hoxe, ano do señor de 2005, a revista esta que estabamos a facer, comeza a súa andaina electrónica. Apartade todos que alá imos!
Acabo de entrar na programa onde hai que meter os textos coma este e imaxes que non tardaremos en meter. Éche ben doada a cousa e calquera pode facelo (ti incluída Gelita). Xa explicarei por e-mail como se fai e a ver se imos adornando isto un pouco entre todos.
Poñédevos a escribir e a sacar fotos coma tolos porque a páxina hai que mantela senón enfádanse estes de bitácoras, coitados. As fotos, cando menos pesen máis collen (as dun móbil son xeniais isto).
Estou nun ordenador que non é o meu e non teño aquí fotos para meter pero todo se andará.
Escribide o que queirades porque isto vai coma un diario e podemos poñer calquera cousa, pero era ben, digo eu, que xa que ten o título de revista literaria pois que algo literario tamén podía ir.
Esta páxina está aberta a calquera que dea co enderezo polo que ollo co que escribides ou senón utilizade métaforas que poidamos descifrar entre nós.
Hala, a currar faraóns!
Por: A Pirámide | General | Comentarios (1) | Referencias (0)