Revista de funcionarios con ganas de troula literaria.
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Luns, 03 de Outubro de 2005

E ao noso faraón Amenófis Muíños VI déuselle por matinar na morte e en como se ía aburrir despois de morto. Quixo, despois de moito darlle á cachola, que o enterrasen nun centro de ocio para el e para todo o seu séquito (que visto o plan tampouco lles pareceu mal ter que morrer canda o faraón). E quixo que o centro-panteón fora unha cousa nunca vista tanto en dimensións como en beleza. Fixo chamar ao arquitecto de garda e deulle conta dos seus desexos. O arquitecto ao escoitalo acojonouse pero despois de fumarse uns porros de papiro tivo unha previsualización e caeu na conta de que era posible facer o que o faraón lle pedía. Púxose a facer nos planos e despois do colocón, viu que lle saíra unha perfecta pirámide de dimensións colosais. Entre planificación, materiais, permisos e man de obra o choio ía saír por un pico. Ao presentarlle ao faraón o presuposto, este dixo solemnemente:
-Vale, pero sen alicatar que lle quero dar un toque minimalista.
O arquitecto mandou vir a xentes de todo o Baixo Nilo e algunha do Alto para comezar a obra.
-Que baixedes uns cantos que non damos feito, - díxolles -.
A cousa ía indo pero moi lenta e por moitos lategazos que lle deran aos pobres dos exipcios non tiña traza de avanzar a obra. Nisto que uns comerciantes comentaron que había uns canteiros moi mañosos nas terras da Gallaecia que che facían un castro en plan adosados nunha semana, con mobles de cociña e todo. O faraón encargouse persoalmente de mandalos ir buscar.
-E aínda vou morrer e a pirámide sen ter a placa botada.
Chegaron os mensaxeiros do faraón onda os canteiros eses da Gallaecia. Estaban rematando un dolmen que empezaran antes do xantar. Os mensaxeiros explicáronlle o choio. Os canteiros contestaron:
-Depende. Estamos poñéndolle a muralla a un castro da cultura dala arriba do monte e non sabemos se imos tardar. Xa sabedes como van estas cousas.
Os canteiros andaban de retranca pero como en Exipto non se sabía o que era iso pois os mensaxeiros xa non daban tragado. Ao velos tan coitados, os canteiros mudaron de opinión.
-Agardade a mañá que acabamos a muralla e imos. Pero mirade que queremos estar de volta para a festa.
E alá foron os canteiros para o Baixo Nilo. Comezaron de seguido e os escravos non daban feito a traerlles pedra. Nun mes tiñan a pirámide acabada. O faraón quedou abraiado coa obra e ofreceulles o que quixeran para que quedasen alí e lles fixera máis pirámides desas.
-Xa veremos. De momento volvemos que para a semana temos o San Martiño e somos da comisión –contestáronlle-. Pero nada de asistencias técnicas. Laborais fixos ou senón nada.
O Amenófis quixo razoar con eles. Que o de laborais fixos non podía ser sen unha oposición, que os escravos interinos ían protestar e tal. Ofreceulles unha libre designación pero os canteiros negábanse. Ao final recalificoulles as prazas e quedaron como fixos. Como tiñan o da festa tardaron trinta días en tomar posesión. Como xa contaba o faraón, os escravos interinos protestaron pero como daquela non había sindicatos cuns cantos crocodilos acabouse o conto.
Os canteiros fixeron máis pirámides e tamén fixeron algúns fillos e fillas. Como calquera pai, non querían que os seus fillos fixeran choio escravo e metéronos na oficina para levar o das licencias de obra. Desa maneira convertéronse en funcionarios. Eles son os nosos ancestros e aínda conservamos algunha foto de catálogo (está moi escarallada pero que queredes, como esta que vedes, das súas obras. Coma traballadores da administración, traballamos duro e ben coma os canteiros pero tamén con elegancia e un toque artístico coma os antigos exipcios. En resumidas contas, somos o máximo.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)