Revista de funcionarios con ganas de troula literaria.
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Martes, 18 de Abril de 2006

Estaba lendo o conto de máis abaixo, de cando o noso faraón Amenófis Muíños VI matinou en facer unha pirámide e acordeime do arquitecto de garda que estivo daquela, moi pavero el. Ivankamón III, o Viaxeiro se chamaba (na foto está coa moza e un cuñado seu). Puxéronlle “Viaxeiro” porque éravos moi dado a andar polo deserto adiante inspeccionando toda canta obra faraónica se facía. Era o choio del así. Non había quen o pillara na súa cámara de traballo, nos baixos da Pirámide de Gizeh. Os seus compañeiros, se tiñan algo urxente, mandábanlle un tam-tam perdido (isto do tam-tam foi invento dos exipcios e pasou logo aos africanos de máis abaixo ata que chegou Movistar e Vodafone, que lle fixeron un tunning) para que el dese razón.
- Ese tam-tam é por min? –preguntoulle unha vez a un velliño que andaba a tocar diante do templo de Ra.
- Non. Éche porque estamos de voda, que se casa unha sobriña-neta cun dalá de Alexandría que ten choio fixo na Biblioteca. Non serás ti dalí? – preguntoulle o velliño-.
- Non, eu sonlle do Alto Vigo.
- De onde?
- Do Alto Vigo? –berroulle o Ivankamón-.
- Arre carallo, que mal falades os do Alto Nilo que non se vos entende nada.
- Logo non é por min?, -preguntoulle de novo o arquitecto-.
- Que non, que é polo da voda. Vaite bonito.
Era moi pavero o Viaxeiro.
E cando o fixera chamar o faraón, ao principio pasouno un pouco mal.
- Mecagoendiosla, por unha vez que me toca de garda e chámame o Mayestático (chamábanlle así ao faraón porque el non che falaba “de eu” senón “de nós” coma o Papa).
- Andámosche aburridos e déusenos por querer unha tumba que nindiola. Vai pensando, -díxolle o faraón-.
Claro, a Ivankamón, así de súpeto, colleuno baixo de ideas.
- Sen problema. Vou pola calculadora polo de afinar o presuposto e logo veño. Ou se tal mañá pola mañá tráiolle o presuposto mais os planos todo xunto e xa se fai unha idea.
É que a Ivankamón no se lle ocorreu outra excusa e saltoulle co de “mañá á mañá”. Tiña unha noite para facer os planos mais as contas do choio. Meu pobre.
Mandoulle un tam-tam á moza.
- Helenamari, non me esperes que teño choio gordo.
Xa vos contara o dos porros de papiro e a visión arquitectónica que lle provocou o colocón. Foi o que o salvou. Así se sentaron as bases da arquitectura funeraria exipcia. Por uns porretes do arquitecto de garda. A vida mesma.
Por: A Pirámide | General | Comentarios (0) | Referencias (0)